A Escola do século XXI e a Educación Intercultural

Dicir a estas alturas que vivimos nunha sociedade diversa e multicultural, resultaría máis que obvio. Con todo, a pesar da evidencia, semella que seguimos sen darnos conta e seguimos mirando con estrañeza e desconfianza todo aquilo que escapa ao noso imaxinario cotián, seguimos sen aceptar a diferenza como algo natural. Así, en moitas ocasións, atopámonos forzando situacións ou sobreactuando para poder encaixar as pezas soltas, esas pezas que mesmo damos por perdidas e que, dalgún xeito, impídennos rematar a construción do quebracabezas perfecto que consideramos as nosas vidas.

RESPECTO E CONVIVENCIA

Gústenos ou non, a realidade é a que é. A diversidade cultural está aí e chegou para ficar. Gústenos ou non, queiramos aceptalo ou non, calquera pode ser a peza solta nos quebracabezas vitais doutras persoas. Así que non queda outra que aprender a convivir, a respectarnos e a vernos como iguais dentro da diferenza. Canto antes o fagamos, antes veranse os resultados, pois as cousas grandes acaban pasando por ter ignorado durante moito tempo as pequenas.

ESCOLA E APRENDIZAXE

As Escolas son o escenario perfecto para esa aprendizaxe. Son representacións da sociedade e do que nela acontece. A Escola é un espazo de interacción, de organización comunitaria, de experimentación, de aprendizaxe continua e de pensamento; en definitiva, un pilar fundamental na construción da sociedade e da cidadanía do futuro. Por iso é moi importante que nela reflíctase esa diversidade cultural tan propia do noso tempo. Aceptar, asumir, defender e promover a diversidade, en calquera das súas vertentes, non é celebrar o “día de…” ou a “semana de…” unha vez ao ano, senón entender a sociedade doutro xeito. A interculturalidade non consiste en relacionar culturas ou coñecer aquelas que consideramos afastadas, senón que supón a interacción de persoas en si mesmas diversas (e non só no cultural), o recoñecemento e a aceptación da nosa diferenza. A partir de aí, si poderemos construír relacións dende unha perspectiva intercultural, abrindo a posibilidade de obter aportacións positivas que nos permitan seguir medrando como persoas.

DIVERSIDADE DE REFERENTES

Neste contexto, a existencia de referentes culturalmente diversos é esencial para iniciar o camiño, para o recoñecemento da diferenza como algo natural e presente na nosa sociedade. Ter referentes, alén da familia, é fundamental para o desenvolvemento dunha identidade propia. Quen medra sen representacións reais, dificilmente poderá sentirse como parte dunha sociedade que fai invisible ou relega a súa presenza a espazos minoritarios. Quen medra descoñecendo que o mundo é diverso de xeito infinito, dificilmente poderá deixar de ver a diferenza como algo excluínte. Por iso, a Escola non pode pasar por alto esta cuestión.

Cremos que é o momento de avanzar, con paso firme e cabeza alta, irmandarnos e deixar que os espazos sexan ocupados por outras voces, outras presenzas e outras historias das que poidamos aprender. A Escola do futuro, e xa do presente, pasa por integrar nas súas aulas, nos seus corredores e nos seus patios a Educación Intercultural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Trocadela - Proyecto Convivencia Intercultural - Vigo

trocadela@trocadela.com

Aviso Legal | Política de Privacidade | Política de Cookies

BRANDING E DESEÑO WEB REALIZADO POR CROQUETA STUDIO CON MOITO AGARIMO PARA OLAIA E NOEMÍ