Contos infantís

Desde moi temperá idade iniciei ás miñas  crianzas no mundo dos libros, as imaxes que entran polas mans, os contos ou as cancións que tamén contan historias. Son, ademais, das que perdo a noción do tempo en canto entra nunha LIBRERÍA (así con maiúsculas, porque cada vez fuxo máis das tendas de libros, así con minúsculas). Tamén son das que lle gustan os libros que son bonitos por fóra e por dentro, así que me podo pasar horas abrindo e  folleando libros polos estantes. Digo isto para deixar constancia que polas miñas mans pasaron moitos libros infantís, moitos máis dos que acabaron na miña casa, que tampouco son poucos.

A IMPORTANCIA DOS REFERENTES

Dadas as circunstancias e o contexto familiar, desde o principio preocupeime moito por buscar libros onde a diversidade estivese presente tanto en protagonistas como en historias narradas, prestando especial atención á presenza de personaxes  racializadxs e a cousa resultou ser bastante máis complicada do que imaxinaba. Moitos deses libros tiven que buscalos por internet e ir coa lista á LIBRERÍA para encargalos (porque tamén son das que segue preferindo o trato humano ao virtual), iso si, hei de dicir que sempre me atopei doutro lado do mostrador a persoas encantadoras, desas que aman os libros, coas que en moitas ocasións, ademais, acabei establecendo conversacións sobre este tema.

A importancia de vernos  representadxs nas historias que lemos é fundamental para construír a imaxe de  nós  mesmxs e  esa representación na narrativa que interpretamos a través da lectura contribúe tamén á creación de imaxinarios que poden chegar a condicionar os nosos actos e a visión que temos dxs demais. Ter referentes alén da familia paréceme fundamental para o desenvolvemento dunha identidade propia.

As nenas e os nenos que crecen sen verse  representadxs, dificilmente poderán sentirse parte dunha sociedade que lles  invisibiliza ou lles relega a espazos  minoritatarios. As nenas e os nenos que crecen descoñecendo que o mundo é diverso de maneira infinita, dificilmente poderán deixar de ver a diferenza como algo excluínte.

OUTRAS MIRADAS

Con todo, non basta con mostrar e acceder a representacións  visualmente diversas. Non é suficiente con ver nas historias que chegan ás  crianzas diferentes cores de pel ou formas de vestir. Hai que ir máis aló, esas historias deberían ser a ferramenta para dar un paso máis e coñecer que se esconde tras esa non representación, tirar do fío ata ter o nobelo completo.

A través desas historias pódese cambiar a maneira de observar a contorna (a SÚA contorna), pódese cambiar a maneira na que interactuamos nel e deixar de ser  cegxs e  xordxs por elección. A través dos contos, as cancións ou as animacións podemos contribuír á  deconstrucción de muros mentais, estereotipos e prexuízos. Destruílos para empezar a construír imaxinarios novos que leven a normalizar unha diversidade cultural que xa existe, pero que aínda se descoñece  e témese.

Neste proceso, debemos deixar tamén que as historias que chegan ás súas mans, aos seus oídos e aos seus ollos sexan contadas desde o outro lado, por aquelas persoas que a día de hoxe seguimos cualificando en minorías a pesar de ocupar cada vez máis espazos.

INICIANDO O CAMIÑO

Afortunadamente cada vez son máis os espazos, físicos e virtuais, que ofrecen este tipo de literatura e animación a  lxs  mxs  pequeñxs, pero aínda queda traballo por facer para visibilizalo e normalizalo, ocupando lugares máis accesibles e visibles en bibliotecas públicas, escolas, sesións de contacontos… Sen esquecer que as persoas adultas que formamos a súa rede de apego e confianza, tamén deberiamos optar máis a miúdo por libros con personaxes , escenarios  e historias culturalmente diversas. É traballo de  todxs transformar o imaxinario que sentará as bases das nosas accións e interaccións nun mundo cada vez máis diverso.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Trocadela - Proyecto Convivencia Intercultural - Vigo

trocadela@trocadela.com

Aviso Legal | Política de Privacidade | Política de Cookies

BRANDING E DESEÑO WEB REALIZADO POR CROQUETA STUDIO CON MOITO AGARIMO PARA OLAIA E NOEMÍ