Familia, Interculturalidad

O principio de todo

O principal motor de arranque de  Trocadela foi sobre todo persoal, a nosa familia aumentou co nacemento espazado de dous  criaturiñas que poñerían o noso mundo do revés. O comezo da nosa historia familiar é bastante común ao de moitas outras, de súpeto estás soa, coa vida máis ou menos estruturada, dispoñendo do teu tempo para organizalo ao teu antollo, as túas horas de soño e descanso equilibradas… e, de súpeto, un ser vivo (ou máis) depende ao cento por cento de ti. A organización do tempo, do soño, do lecer e da túa vida en xeral pasan a un segundo plano porque tes que adaptala a esa  personiña que acaba de chegar. Así que os próximos dous ou tres anos a túa cabeza só pensa en cueiros, biberóns, tetas, baños,  mocos, alerxias, xogos, paseos… desenvolves un  súper poder para detectar posibles perigos e fasche un máster en procesos de crianza respectuosa e aprendizaxes sensoriais. E, de cando en vez, acórdasche de que ti mesma segues existindo como muller, como profesional ou como ser social.

PREGUNTAS INCÓMODAS

Ata aquí nada doutro mundo, pero de súpeto dásche conta de que os teus bebés deixan de selo (porque si, porque medran sen pedir permiso) e empezan a interactuar co mundo alén do núcleo familiar. Aí xa empezamos a notar algo, algo que non lle ocorría á maioría das familias da nosa contorna. Facíannos preguntas que non lles facían ás demais, dirixían miradas e comentarios cara nós que  discernían, en ton e intencionalidade, dos que facían a  outrxs nos mesmos contextos. As nosas crianzas non se vían  representadas nos contos, nin nas ilustracións dos libros do cole, nin nas cancións. A súa realidade non se contaba en ningún lugar polo que transitaban. Foi entón que chegou o desconcerto, o enfado, a rabia, a frustración, o medo, o descoñecemento e moita soidade. Queriamos explicarnos e dicíannos que faciamos un mundo de nada, que tiñamos a pel moi fina, que non había mala intención e que o levabamos todo a un nivel que non era real. Nese momento aparecen moitas dúbidas xa que a súa infancia era e é “normal”: xogan, relaciónanse, interactúan e divírtense sen ningún tipo de problema nin trauma, como calquera  outrx  nenx da súa idade, así que, sería verdade que estabamos  amplificando un problema que non era tal? Sería certo que estabamos a ver pantasmas?

INVESTIGAR ALÉN DO PROPIO

Unha vez que o ruxerruxe entra no corpo non é fácil de acalar, así que o comentei coa miña outra familia, onde non puiden achar mellor compañeira de viaxe, miña irmá. Ela entendeu a situación sen cuestionar o meu testemuño e axiña fixemos equipo para atopar a maneira de facer algo e non quedarnos só na queixa, a rabia e a frustración. Como nos educaron para non conformarnos e buscar respostas, empezamos a investigar. Lemos moito, moitísimo, sobre maternidades afrodescendentes e mixtas, empapámonos de testemuños non só de nais, senón tamén de mozxs  negrxs e  racializadxs que falaban da súa infancia e da súa adolescencia en contornas maioritariamente brancas e prestamos especial atención ás experiencias de familias  afrodescendentes  migradas e autóctonas. Ao longo da nosa investigación aprendemos a gardar silencio, a observar e, sobre todo, a escoitar; iniciándose un proceso de reestruturación mental e emocional importante. Un proceso difícil e duro, porque requiría unha inevitable revisión do noso propio imaxinario e unha autocrítica de moitos discursos e moitas accións.

MOITO POR FACER

Dalgunha maneira, baixamos uns cuantos chanzos e démonos conta que en pleno século XXI había moito por facer, empezando pola nosa propia visión do mundo e a nosa maneira de interactuar nel.

Trocadela nace desa necesidade de empoderar ás nosas crianzas e de dotalxs das ferramentas necesarias para non considerarse inferiores, para que saiban que a súa historia e a súa representatividade é igual de válida que as dxs demais. Queremos ensinarlles que a súa viaxe igual vai ser un pouco máis difícil, con máis obstáculos e circunvalacións, pero que iso non debe ser impedimento para perseguir o soño que queiran, para converterse nas persoas que queiran ser. Ademais, este proxecto tamén nace coa idea de mostrar aos nenos e ás nenas non  racializadxs que o mundo é diverso, que ninguén ten máis dereitos por ser dunha maneira ou doutra, que todas as historias son igual de importantes e que hai moito mundo, moitas historias e moitas  persoas por coñecer, que deben aprender a escoitar e observar o que ocorre alén da súa zona de confort.

En definitiva,  Trocadela nace coa idea de mostrar que a diferenza é natural e que a  interculturalidade vai moito máis alá de  eslóganes grandilocuentes, de campañas publicitarias e de  dulcificar realidades que, en si mesmas, levan moito de amargura.

Trocadela é un proxecto que nace desde a familia para as familias, porque nelas, sexan do tipo que sexan, nace todo.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Trocadela - Proyecto Convivencia Intercultural - Vigo

trocadela@trocadela.com

Aviso Legal | Política de Privacidade | Política de Cookies

BRANDING E DESEÑO WEB REALIZADO POR CROQUETA STUDIO CON MOITO AGARIMO PARA OLAIA E NOEMÍ