Parte ≠ Todo

As persoas estamos feitas de historias, de moitas historias: presentes, pasadas e futuras; compartidas e íntimas. Todas elas importan. Se falta unha, falta unha parte do que somos. Simplificamos a nosa existencia. Mostrámonos e sentímonos incompletas.

O contexto sociocultural, as máis das veces, exerce tal poder que silencia moitas delas. Visibiliza só a que lle convén, converténdoa na historia que vai ser contada, e crida, no público e no privado. Neste percorrido, as outras historias que tamén contan o que somos, van quedando desatendidas, esquecidas e mesmo aborrecidas, condicionando a nosa forma de ser e estar no mundo.

Nese proceso definimos a(s) nosa(s) identidade(s). Se durante o percorrido só escoitamos unha historia, habitualmente saturada de estereotipos, prexuízos, medias verdades, ou medias mentiras… sen apenas darnos conta, quedamos limitadas, perdemos axencia persoal e interiorizamos unha versión sesgada de nós mesmas.

En sociedades diversas como as actuais, nas que os pactos de convivencia aínda non son horizontais nin igualitarios, a historia que é contada en primeiro lugar privilexia a unha parte, quedando a outra moi mal significada. Un desequilibrio inxusto e incerto que rompe, por dentro e por fora, as súas protagonistas.

É primordial visibilizar e escoitar todas as historias, todas as versións, para favorecer conclusións identitarias alternativas. Cada quen coa que senta que mellor lle representa por proximidade, crenzas, circunstancias da vida, experiencias compartidas, legado histórico e/ou cultural, afectos, cor de pel… ou polo que sexa, mais libremente elixida e naturalmente interiorizada, para contarse a si mesma e presentarse ante o mundo.

Aínda que haxa quen se resista a iluminar esas historias, aí tamén estamos; aí tamén somos e dende aí contámonos todas as persoas; todas, non só unhas poucas.

Sen este principio básico de respecto, non haberá igualdade real, nin convivencia efectiva, nin representación nos distintos espazos, nin plena participación por moito slogan, campaña solidaria ou “día de…” que se celebre. É necesario desafiar o relato dominante porque nel só queda representada unha versión, unha historia. Cando isto sucede, a que prevalece adoita ser a que interesa oficialmente, non a que humanamente importa.

convivencia, discriminación, estereotipos, identidade, interculturalidade, prexuízos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Trocadela - Proyecto Convivencia Intercultural - Vigo

trocadela@trocadela.com

Aviso Legal | Política de Privacidade | Política de Cookies

BRANDING E DESEÑO WEB REALIZADO POR CROQUETA STUDIO CON MOITO AGARIMO PARA OLAIA E NOEMÍ