Somos Noemí (psicóloga e mediadora) e Olaia (politóloga especializada en migracións). Irmás e distintas como a noite e o día, así que levamos moitos anos xestionando diferenzas para entendernos, respectarnos e querernos de aquí á lúa. Ademais, tamén somos tía e nai nunha familia intercultural afrodescendente, entrando de cheo nunha realidade de luces e sombras, dependendo dos espazos transitados e das persoas coas que nos cruzamos.
Fillas de mestra, o amor pola educación e a dignidade da profesión están no noso ADN dende o berce. Conscientes de non ser educadoras, cremos firmemente que podemos aportar unha visión importante á comunidade educativa tanto pola nosa experiencia profesional, como pola nosa posición persoal e familiar. Somos moitas familias as que vivimos unha diversidade cultural que despois non atopamos nos centros educativos. Nenas, nenos e adolescentes medran sen referentes alén dos seus núcleos próximos e familiares, o cal deixa unha pegada considerable no proceso de construción da súa propia identidade.
O tándem Ciencias Sociais-Educación é un marco que ofrece múltiples posibilidades para nutrirse de recursos e ferramentas ante o desafío que supón a convivencia e a interculturalidade nos barrios e as cidades que habitamos.