
Volta ao cole
Esta semana empeza o cole. De novo madrugones, carreiras, cambios de roupa por derrames imprevistos, perrenchas varias antes de saír de casa… pero ao final, as inmensas ganas de reencontrarse con compis que levan case tres meses sen ver, conseguen vencer os contratempos anteriores e as emocións saen a gallarón. Falo dos ciclos de infantil e primaria, non sei eu se o xúbilo será o mesmo para quen empeza secundaria.
O caso é que para as familias, máis ben para as nais (sexamos realistas), empeza a maratón moito antes coa compra de libros e material escolar. Se ademais sodes das que deixades todo para o último momento, como a que aquí escribe, podédesvos imaxinar o sprint final.
O caso, é que desde que empecei esta inmersión na etapa educativa das miñas crianzas (e xa van seis cursos) sempre me pasou o mesmo ao buscar as caixas de pinturas: imposible atopar unha que inclúa diferentes tons para colorear a pel. Son moitas as papelerías percorridas, ano tras ano e preguntando en cada unha delas co propósito de que se lles acenda a luz e ,cun pouco de sorte, ter mellor fortuna ao ano seguinte, pero nada. Ao final, sempre me toca recorrer a internet. E se xa falamos da presenza destas pinturas nos coles, esperando, ademais, que estean colocadas nun lugar visible e promóvase o seu uso, xa…
É algo que sigo sen entender. Falamos de educación diversa, de igualdade, de interculturalidade (aínda que sigo pensando que é un termo que en moitos casos úsase a treo, sen comprender realmente o seu significado, a súa relevancia e a súa repercusión); con todo, logo chegamos ás aulas e seguimos sen ver eses conceptos materializados cando se trata de referentes e opcións de representación racializadas. Son moi poucos centros educativos aínda os que poñen verdadeiro interese e empeño nesta cuestión, fundamental para esa igualdade da que tanto nos gusta falar. De nada serve que celebremos días conmemorativos da paz, dos pobos do mundo, de África… se logo esquecémonos da necesidade da infancia racializada de verse representada máis aló dun día, máis aló de estereotipos fútiles e nalgúns casos ata burlescos e denigrantes, ofrecendo unha imaxe moi distorsionada da súa realidade ou, simplemente, omitíndoa.
A Educación e a Escola de hoxe en día, non poden ser como a de hai 40 anos, xa non. Que está moi ben iso das novas pedagoxías, pero se esquecemos o fundamental, se esquecemos o dereito de todas as nenas e de todos os nenos a ter acceso a unha educación respectuosa coa súa identidade e a súa realidade, algo non estamos a facer ben. Así que toca poñerse as pilas. Comeza setembro e a carreira de fondo ponse en marcha.