A convivencia activa na aula. Construíndo unha sociedade respectuosa dende a infancia.

A convivencia activa na aula

Cando falamos de convivencia na aula, xestión do conflito ou diversidade, non estamos a falar de meras declaracións de intencións, de decálogos que quedan no fondo dun caixón ou de frases bonitas para poñer nos corredores do noso centro educativo.

Cando falamos de todas estas cuestións, falamos dun labor práctico e diario, de esforzos que requiren dedicación e perseveranza.

Máis aló das palabras: A importancia da acción

Para construír unha sociedade respectuosa desde a infancia, non basta con marcar no calendario unas  cantas datas conmemorativas ou facer talleres aleatorios sobre convivencia. Se queremos un cambio real, debemos comprometernos a facer as cousas doutra forma. Isto significa observación, análise, estratexias e recursos, revisións constantes e implicación emocional. É un proceso de facer e refacer, de avanzar, retroceder e volver tentalo todas as veces que sexa necesario para que funcione.

O cambio en Infantil e Primaria: Novas ferramentas para o desenvolvemento

As etapas de infantil e primaria experimentaron grandes avances nas últimas décadas. Hoxe día, vemos na aula ferramentas como as asembleas, a xestión emocional e a perspectiva de xénero. Estes recursos transformaron o desenvolvemento emocional e social do alumnado, demostrando ser esenciais para unha convivencia positiva. Pero aínda temos un reto por diante: xestionar a diversidade en serio.  Non basta con frases simplistas como “somos distintos, somos iguais”, porque a realidade non é así, quen é diferente sábeo. É importante que cada nena e cada neno senta que a súa diferenza valórase e respéctase.

A convivencia activa como base para unha sociedade respectuosa

Desde este espazo, queremos reivindicar o dereito a ser diferentes e a que esa diferenza sexa recoñecida e respectada. E isto non se logra só desde a teoría, é vital que a infancia teña acceso a recursos e estratexias para afrontar os desafíos que conleva crecer nunha sociedade diversa.

Na aula, aprender a convivir é un proceso práctico e dinámico. A convivencia activa significa interactuar, comunicarse, respectar e recoñecer ao outro na súa totalidade. É unha carreira de fondo e debe integrarse en todos os aspectos da vida escolar, transversal e horizontalmente. Así, o impacto positivo da convivencia activa na aula pode ir moito máis alá dos muros da escola, contribuíndo a unha sociedade máis respectuosa e xusta para todas e todos.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Trocadela - Proyecto Convivencia Intercultural - Vigo

trocadela@trocadela.com

Aviso Legal | Política de Privacidade | Política de Cookies

BRANDING E DESEÑO WEB REALIZADO POR CROQUETA STUDIO CON MOITO AGARIMO PARA OLAIA E NOEMÍ