O benestar emocional na infancia

O benestar emocional na infancia

O benestar emocional é un piar fundamental do desenvolvemento global infantil. A maneira en que os nenos e as nenas xestionan as súas emocións inflúe directamente na súa capacidade de aprender, relacionarse e enfrontar desafíos. Sabemos que unha contorna escolar emocionalmente saudable potencia a motivación, a autoestima e a seguridade na súa persoa.

A docencia non pode quedar á marxe e debe incorporar a perspectiva da saúde mental como un elemento máis do ensino. A observación atenta, o fomento de espazos seguros e o desenvolvemento de estratexias para traballar as emocións na aula poden marcar a diferenza na vida do noso alumnado.

O papel docente: detección – acompañamento – derivación

O profesorado pode converterse nun axente clave na detección de sinais de malestar emocional. Pequenos cambios no comportamento, dificultades na interacción cos seus iguais ou un descenso no rendemento académico poden ser indicadores de que algo non vai ben.

O acompañamento é outro dos grandes retos. Escoitar sen xulgar, validar as emocións e xerar espazos de confianza na aula é clave para que nenos e nenas sintan que forman parte dun ambiente de comprensión e apoio. E saber cando e como derivar a profesionais da saúde mental, cando sexa necesario, convértese nunha acción fundamental para garantir o seu benestar.

Estratexias e exemplos prácticos na aula

Para traballar a xestión emocional na aula, pódense incorporar actividades concretas como:

  • O recuncho da calma: un espazo onde nenos e nenas poidan regular as súas emocións antes de retomar as súas actividades.

  • O diario emocional: fomentar a escritura ou o debuxo para expresar o que senten.

  • Xogos de rol e dramatización: axudar a identificar e xestionar emocións a través de situacións cotiás.

  • Círculos de confianza: espazos semanais onde o grupo comparte as súas emocións e vivencias nun ambiente seguro.

A colaboración coas familias e especialistas na saúde mental

A conexión entre escola e familia é clave para fortalecer a saúde emocional do alumnado. Algunhas estratexias que poden facilitar este vínculo inclúen:

  • Reunións periódicas: manter unha canle de comunicación aberta coas familias sobre o estado emocional do neno ou da nena.

  • Obradoiros para familias: proporcionar recursos e ferramentas para que tamén traballen a educación emocional na casa.

  • Diálogo fluído: promover espazos onde as familias poidan expresar as súas inquietudes e compartir estratexias efectivas.

  • Traballo conxunto con profesionais e entidades especializadas: colaborar con terapeutas e organizacións dedicadas á saúde mental infantil para ofrecer un apoio integral e garantir unha intervención adecuada cando sexa necesario. Isto pode incluír a creación de programas de prevención en saúde emocional, formación conxunta para docentes e familias, e protocolos de intervención temperá dentro do ámbito escolar.

Para que esta colaboración sexa efectiva, é fundamental establecer canles de comunicación claras entre escola e  profesionais da saúde mental. Sesións de traballo conxuntas, reunións periódicas e espazos de intercambio de información poden axudar a coordinar accións e proporcionar un acompañamento máis completo e personalizado a cada neno ou nena que o necesite.

A saúde mental é unha carreira de fondo

Abordar a saúde emocional na infancia require dun traballo conxunto e constante  de estratexias compartidas, así como dunha comunidade educativa comprometida.

Porque cando falamos de educación, falamos de emocións. E cando se fai equipo e créase rede, o impacto é aínda maior.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Trocadela - Proyecto Convivencia Intercultural - Vigo

trocadela@trocadela.com

Aviso Legal | Política de Privacidade | Política de Cookies

BRANDING E DESEÑO WEB REALIZADO POR CROQUETA STUDIO CON MOITO AGARIMO PARA OLAIA E NOEMÍ