Racismo, Salud Mental

Racismo e Saúde Mental

Son psicóloga en exercicio con horas, esforzo e diñeiro invertido en formación ao longo de dúas décadas aproximadamente. Tía de dúas crianzas afrodescendentes, cuñada dun home senegalés e… Booommm!!! Non teño formación antirracista!!!

Así quedei tras escoitar o capítulo ”El racismo y la salud mental”, do podcast “No hay negros en el Tíbet”. Ante este broucazo de realidade, por aquilo de calmar a miña conciencia (eu non son racista, sóavos?) díxenme: a ver, no persoal, xa levas un tempiño poñéndoche as pilas, lendo e escoitando a persoas racializadas para coñecer e entender de primeira man a súa realidade, as súas vivencias e as súas experiencias. Estou entendendo cada vez máis de que vai isto do privilexio branco e tomando nota das moitas metidas de pata sen intención, mais de facto racistas, condescendentes e/ou paternalistas que fun acumulando ao longo da miña vida.

E no profesional? Pois nunca ninguén me falou (tampouco preguntei) da saúde mental e o racismo, de como interseccionan. En todos estes anos de formación e exercicio, deime conta de que non hai perspectiva antirracista no ámbito da saúde mental. Grave, moi grave. Calquera sintomatoloxía atravesada polo racismo adquire outra dimensión, outro significado. Peculiaridades idiosincrásicas, interseccións sociais, culturais e vinculares que non atendemos, nas que non profundamos e que, por tanto, non entendemos, minimizamos ou, directamente, ignoramos. Así non estamos a facer ben o noso traballo. Agora seino porque escoitei as voces que así nolo contan.

Hai sufrimentos que habitan os corpos destas persoas polo mero feito de non ser brancas: culpas, vergoñas, duelos, medos, traumas, pegadas emocionais, etc. que non podemos describir co repertorio terminolóxico e conceptual que interiorizamos a través dun sistema de estudos claramente occidentalizado. Se non adquirimos, como mínimo, unha conciencia racial, non saberemos (ben) acompañarlles ao longo do proceso terapéutico.

Si, fun formada cunha mirada occidental. Durante anos non me xerou incomodidades. Estaba segura de seguir a senda correcta para seguir (ben) formada no meu… ata que descentrei a mirada e comecei a ver cousas que non me gustaban, cousas sobre as que non sabía nada e, unha vez que a miña familia adquiriu natureza mixta… xa non mo podía permitir, comecei a preocuparme. Como adoita ocorrer, cando me tocou directamente entroume a urxencia e a culpabilidade por non tomar consciencia disto hai xa tempo. Funcionaba en automático, sen cuestionamento algún. Ler e escoitar voces de persoas racializadas está a levarme a ampliar a mirada, a darme conta das miñas carencias e a acrecentar a urxencia de acceder cada vez máis a estas cuestións, aprender, revisarme e corrixirme para ofrecer o mellor dos acompañamentos, no persoal e no profesional.

Racismo, Saúde Mental

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Trocadela - Proyecto Convivencia Intercultural - Vigo

trocadela@trocadela.com

Aviso Legal | Política de Privacidade | Política de Cookies

BRANDING E DESEÑO WEB REALIZADO POR CROQUETA STUDIO CON MOITO AGARIMO PARA OLAIA E NOEMÍ