COMO TE CHAMAS? PERDOA, COMO DIS?

Hai unhas semanas terminaba de ler o libro de Moha Gerehou, Qué hace un negro como tú en un sitio como este (Península, 2021). Un deses imprescindibles se queremos coñecer e entender o racismo en España, un racismo ás veces directo e outras veces sutil, pero demasiado presente na vida cotiá. Escribindo sobre o tema dos nomes e a súa grafía (nomes estranxeiros non occidentais, claro), un parágrafo quedou gravado na miña retina:

Tengo la teoría de que deletrear un nombre que suena a extranjero borra temporalmente la capacidad de entender las letras del abecedario español” (Moha Gerehou, Qué hace un negro como tú en un sitio como este. Península, 2021).

Mentres lía esas liñas, reproducíase na miña mente como unha especie de déjà vu vinculado a cada vez que me toca facer un trámite administrativo para os meus peques. E iso que, no seu caso, non son de pronuncia complicada, xa que podería dicirse que se escriben tal cal soan. Aínda así, sempre me toca repetilos varias veces ata que acabo deletreándoos a quen corresponda e nin sequera iso garante o éxito á primeira. Xa non vos conto a expresión dos seus rostros cando dou paso ao primeiro apelido que xa, da tensión, creo que nin entenden o segundo. É coma se sufrisen un bloqueo mental repentino, producíndose unha desconexión total entre o que oen e a información que o cerebro ten que enviar á man para que escriba. Cústame moitísimo entender que se fomos capaces de pronunciar os modelos de Ikea para poder amoblar as nosas casas, non sexamos capaces de ter a mesma capacidade de adaptación auditiva, lingüística e ortográfica para outras palabras que, sen dúbida, aínda que só sexa por unha cuestión de respecto ten moita máis importancia esa aprendizaxe express. Pois nada, aí seguimos.

O máis paradoxal é que esa falta de interese por investir tempo en aprenderse un nome, desvanécese no momento en que descobren que o nome é non occidental. Entón si consideran de vital importancia facer unha batería de preguntas absurdas e repetitivas: E de onde é? E que significa? E por que llo puxestes? E…? Se de paso pódenche coar algunha anécdota dalgunha viaxe, experiencia ou de alguén que coñecen (aínda que sexa de raspallón) con algún suposto vínculo á túa realidade, pois xa te levas o pack completo; pero non dubides que a próxima vez volverán mirar con cara de poker cando lles respondas ao requirimento de “dígame o seu nome”.  Eu xa perdín a conta a de veces que fun ao centro de saúde coas miñas peques e a pesar de ser atendida polas mesmas persoas unha e outra vez, sempre acaban preguntándome directamente a data de nacemento tras o primeiro intento errado de entendemento (rexistrándoos así por descarte nunha listaxe reducida), no canto de tentar reter a súa grafía para a próxima ocasión. Por non falar que aínda non conseguín que o seu pediatra poña o acento na sílaba correcta á hora de pronunciar o nome por máis que llo remarco.

NOME E IDENTIDADE

O noso nome forma parte da nosa identidade, é o primeiro elemento que nos singulariza, que nos identifica dentro do grupo ao que pertencemos en cada momento. Quen non memorizou a lista de clase ano tras ano? Aprendiámonola ata cos apelidos e falo dunha época na que a media por aula era de 40 crianzas.  Que pasa cando un nome pronúnciase e escribe incorrectamente de maneira continuada polos teus iguais e por docentes? Entre outras cousas, que a nena ou o neno en cuestión percibe o escaso interese que esperta a súa identidade, a súa historia, a súa familia… nun espazo que debería ser seguro e respectuoso para a infancia. Xa nin conto os casos nos que directamente se opta por chamalos doutra maneira, alegando a dificultade de aprender o orixinal (diso saben moito as persoas de orixe asiática). Digo eu que, se podes pararche un intre para inventarche un nome para dirixirche a alguén, podes investir o mesmo tempo en aprender a pronunciar e escribir o seu nome orixinal e xa, de paso, mostrar un mínimo de respecto. Se a ninguén lle gusta, especialmente na infancia e adolescencia, que se burlen do seu nome ou que lle busquen rimas impertinentes, pois imaxinádevos se xa directamente bórrano do mapa ou só o intento de pronuncialo xa se converte nun chiste.

Así pois, non é cuestión menor. A representación non caricaturizada do noso corpo, da nosa historia, da nosa contorna e realidade, permítenos construír dunha maneira sa nosa identidade. Se algún dos seus elementos no proceso de construción vese danado por omisión, por mofa ou por distorsión; o prexuízo a medio ou longo prazo pode ser importante. Non custa tanto tomarse a molestia. Se imos a un país estranxeiro cun idioma moi distinto ao noso, non se nos ocorrería empezar a chamar ás persoas coas que interactuamos Miguel, Pepe, María ou Carolina. Resultaría non só absurdo, senón totalmente irrespectuoso. E se nesas circunstancias somos capaces de adaptar o noso sistema fonolóxico… Como non imos ser capaces de facer o mesmo cando se presenta a ocasión nunha contorna moito máis favorable á nosa aprendizaxe e adaptación?

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Trocadela - Proyecto Convivencia Intercultural - Vigo

trocadela@trocadela.com

Aviso Legal | Política de Privacidade | Política de Cookies

BRANDING E DESEÑO WEB REALIZADO POR CROQUETA STUDIO CON MOITO AGARIMO PARA OLAIA E NOEMÍ